domingo, 30 de junio de 2013

Clarinete




O clarinete é un instrumento musical da familia do vento-madeira. O seu nome vén da adicción do sufixo -ete (que significa pequeno) á palabra italiana clarino (que é un tipo de trompeta de rexistro alto), xa que os primeiros clarinetes tiñan un son estridente similar ao deste tipo de trompetas. O seu diámetro é similar en toda a súa lonxitude (dise del que é aproximadamente cilíndrico) e usa unha soa cana: lingüeta sinxela. No mundo do jazz, nalgunhas ocasións, foi nomeado como "licorice stick" (pau de regalicia)[1].
Este instrumento comprende unha gran familia con diversos compoñentes diferenciados entre si polo seu tamaño e polo seu ton. É a familia máis grande dentro do grupo dos instrumentos de vento-madeira, con máis dunha ducia de compoñentes, que van desde o inusual BBB ♭ octo-contrabaixo ao soprano A ♭ (clarinete piccolo). De todos eles, moitos son moi raros ou xa están en desuso, como por exemplo o BBB ♭ octo-contrabaixo, do que soamente existe un, e a música que se compón para clarinete case se reduce aos tipos máis comúns (E ♭, B ♭, A e BB ♭). Por asiduidade, a palabra clarinete fai referencia ao modelo máis común, o de B ♭, o clarinete soprano.
Á persoa que toca o clarinete chámaselle clarinetista. Johann Christoph Denner inventou o clarinete a mediados do século XVIII na Alemaña, mediante a adicción dunha chave de rexistro ao antigo chalumeau. A partir deste momento seguiu evolucionando, coa incorporación de máis chaves e outras melloras, para facilitar a interpretación e a capacidade virtuosística do instrumento. A día de hoxe, o clarinete úsase en grupos de jazz, na interpretación clásica, na música de cámara e como instrumento solista.
A súa cavidade cilíndrica é a principal responsable do timbre distintivo do clarinete, que varía entre os seus tres rexistros principais, coñecidos como o chalumeau, clarino e altissimo. Na calidade do son poden influír multitude de factores tales como son o músico, a música, o instrumento, a boquilla e a cana. As diferenzas nos instrumentos e o illamento xeográfico dos intérpretes nas distintas rexións produciu un desenvolvemento, a partir de fins do século XVIII, de diferentes escolas para tocar o clarinete. As máis destacadas foron as tradicionais alemás/vienesa e a escola francesa. Esta última centrouse nos clarinetistas do conservatorio de París [2]. A proliferación da música gravada dou exemplos de multitude de estilos e formas de tocar o clarinete.
O clarinete en la (A) e o clarinete en si bemol (B ♭) teñen case o mesmo diámetro de cavidade interior e utilizan a mesma boquilla. Nun concerto o mesmo clarinetista pode tocar os dous instrumentos coa mesma boquilla e incluso co mesmo barrilete. Ámbolos dous teñen unhas cualidades de son e tonais moi similares, pero, o clariente A ten un son máis cálido que o outro, que é máis brillante. O clarinete en mi bemol (E ♭), tamén chamado requinto, é o máis brillante, e é incluso perceptible baixo fortes intensidades orquestrais. O clarinete baixo (BB ♭) ten a característica principal de son profundo e suave, mentres que o clarinete alto (EE ♭) ten características sonoras similares ás do baixo e o Corno di Bassetto tenas similares á dun clarinete en si bemol.

Rango

A familia dos clarinetes ten a maior cantidade de tipos en uso entre todas as outras familias de instrumentos de vento-madeira.[3] O feito de que haxa tantos tipos é polo feito de buscar maior versatilidade e virtuosismo. O rexistro grave de cada tipo de clarinete limita o seu uso. O clarinete máis común, o B ♭, ten como límite inferior E, debaixo de C medio. A incorporación de cada tipo de instrumento depende do ton máis baixo en concertos. Case todos os soprano e clarinete piccolo teñen outra chave que lles permite xogar co E debaixo do C medio (E3 na notación científica do ton) como a súa nota máis baixa por escrito, aínda que algúns clarinetes B ♭ poden baixar até un E ♭ 3 co fin de poderen coincidir co rango dun clarinete A. No clarinete soprano (B ♭), o rexistro solicitado é até un D3, un ton máis baixo do seu por escrito. A maioría dos clarinetes alto e baixo teñen unha chave extra para permitir un E ♭3 escrito. Os clarinetes baixos actuais teñen chaves adicionais para permitiren facer até un C3 escrito. Entre os membros menos comunmente encontrados da familia do clarinete, o contralto e o contrabaixo poden ter chaves para até un E ♭ 3, D3, ou C3 por escrito; o clarinete di bassetto e corno di bassetto xeralmente van até un C3 baixo.
Definir o extremo superior do rango dun clarinete non é doado, xa que moitos clarinetistas avanzados poden emitir notas moi por enriba das notas máis altas establecidas polo xeral como límites nos libros metodolóxicos. O G6, dúas oitavas por encima de G4 é, polo xeral, a nota máis alta que se encontra no repertorio clásico, pero moitos clarinetistas avanzados son capaces de chegar a un C7 e existen táboas de dixitacións que mostran todas as posibilidades para conseguilo.
O rango dun clarinete pódese dividir en tres rexistros distintos. O rexistro máis grave dun clarinete en B♭ escrito, vai desde a súa nota máis grave, un E3 até un B♭4, incluíndo ao C central, ao C4. Este rexistro coñécese como o rexistro chalumeau. O rexistro medio, chamado rexistro clarino (ás veces rexistro clarín) esténdese por algo máis dunha oitava, dun B4 até un C6, e é o rango dominante para a maioría dos membros da familia do clarinete. A parte superior do seu rexistro é o chamado rexistro altissimo ou máis comunmente sobreagudo e consta das notas escritas por encima do C6 podendo alcanzar notas superiores ao C7 dependendo da capacidade do músico. A diferenza doutros instrumentos de vento, os tres rexistros teñen sons característicos diferentes. O rexistro chalumeau é rico e escuro. O rexistro clarino é máis brillante e doce, como de trompeta (de aí a procedencia do seu nome: "Clarín" que se refire a trompeta). O rexistro altissimo pode ser penetrante e estridente ás veces.

Acústica

Vibración da columna de ar nun clarinete soprano[4]
O son é unha onda que se propaga polo ar como resultado dunha variante local da presión atmosférica. A produción do son dun clarinete segue estes pasos:
  1. O ar está a presión atmosférica normal dentro da cavidade do instrumento e móvese cara a campá, que é o primeiro burato de saída do cilindro interior. O espazo minúsculo entre a boquilla e a cana permite que pase soamente unha pequena cantidade de ar no instrumento. Isto crea unha área de baixa presión na boquilla. A diferenza de presión entre os dous lados da cana increméntase, provocando que a cana se achegue e intente bloquear o empuxe de ar.
  2. A onda de ar, a baixa presión, móvese a traveso do cilindro en dirección á campá, pero, de camiño, pode encontrarse cun burato aberto.
  3. O ar exterior, a presión atmosférica normal, é aspirado pola baixa presión interior. O ar que antes estaba dentro do clarinete de camiño á campá, cambia de súpeto e atópase cun ar que entra por outro burato.
  4. O ar entrante normaliza as presións dentro do burato e estendéndose polo interior da cavidade do cilindro cun movemento ao revés, cara á boquilla.
  5. Unha vez que todo o ar na cavidade cilíndrica do clarinete está á presión atmosférica, a diferenza de presión aos dous lados da cana diminúe e volve á súa posición orixinal.
  6. A columna de ar en movemento, é detida polo choque repentino co ar a presión procedente do músico. Unha onda de ar a presión desprázase cara o burato aberto máis preto.
  7. Cando o ar a alta presión chega a este burato aberto, o ar que estaba entrando por el cambia de súpeto de sentido e torna a saír por el.
  8. A alta presión normalízase e reiníciase o ciclo.
O ciclo repítese cunha frecuencia constante e emite unha nota relacionada con esa frecuencia. Por exemplo, A4 (440 Hz) prodúcese cando o ciclo se repite 440 veces por segundo. O burato do clarinete soprano é cilíndrico, para a maioría, os diámetros interiores dos tubos rondan os 14 e 15,5 milímetros. Teñen unha forma sutil de reloxo de area, coa parte más estreita debaixo da unión entre a parte superior e a inferior do corpo do instrumento. A redución é de 1 a 3 milímetros dependendo do fabricante. Esta forma, que non é visible a simple vista, axuda a corrixir a discrepancia de ton/escala entre os rexistros chalumeau e clarino. O diámetro do burato afecta a características tales como os harmónicos dispoñibles, o timbre e a estabilidade da altura (a medida na que unha nota pode ser "dobrada" na forma esixida no jazz e noutros estilos musicais). A campá na parte inferior do instrumento ten unha labor fundamental de mellora do ton das notas máis graves.
Polo xeral, o obxectivo do clarinetista cando emite un son é facer vibrar a maior cantidade de cana como sexa posible, facendo o son cun maior corpo, máis cálido e cunha maior presenza. Tapar ou destapar os buratos de ton, supón variar a lonxitude da tubaría, o cambio das frecuencias de resonancia da columna de ar encerrado e, polo tanto, o ton do son. Un clarinetista precisa para moverse entre os rexistros chalumeau e clarino a chave de rexistro. Esta chave supón unha ruptura, porque cando se activa, cancélase a escala de frecuencia fundamental e créase outra escala harmónica dominante unha doceava máis aguda. Cando se pasa do rexistro clarino ao altissimo, non hai outra chave de cambio de rexistro, senón que se emprega o dedo índice da man esquerda que actúa como tal. O cambio de escala harmónica dominante é agora dunha sexta máis aguda. Pola contra, case todos os instrumentos de vento ao cambiaren de rexistro fano cunha oitava de diferenza. Isto explica a complexidade da súa dixitación e as 19 chaves que pode chegar a ter un clarinete soprano. Todas as peculiaridades da súa cavidade case cilíndrica son resultado destas peculiaridades sonoras.
As notas máis agudas no clarinete poden ter unha calidade demasiado estridente e poden chegar a ser difíciles de axustar con precisión. Existen dixitacións alternativas e os axustes persoais dos músicos na embocadura axudan a corrixir esa precisión sonora das notas máis agudas. Un intérprete experto pode usar a súa embocadura para alterar considerablemente a afinación das notas individuais ou para producir vibrato,que vén a ser un cambio de ton pulsante empregado a miúdo no jazz. O vibrato é estraño na literatura clásica ou no concerto bandístico. Non obstante, algúns clarinetistas, como Richard Stoltzman, fan uso do vibrato na música clásica. Así mesmo, existen dixitacións especiais que son empregadas para xogar cos cuartos de ton e outros intervalos microtonais.

Construción

Materiais

Os corpos dos clarinetes foron construídos con diversas clases de materiais como son a madeira, o plástico, o caucho duro, os metais e incluso o marfil. A gran maioría dos clarinetes utilizados na actualidade por clarinetistas profesionais están feitos dunha madeira africana chamada mpingo, de nome científico ''dalbergia melanoxylon''. Algunha vez, por mor da diminución dos subministracións, foron utilizados o Rosewood de Honduras e incluso o cocobolo (dalbergia retusa). Tamén a madeira de ''buxus'' foi usada para a construción deste instrumento.
Na actualidade, para facer instrumentos máis económicos, constrúense con resinas plásticas, como as ABS. Son os chamados "resonite" que é o nome que lle outorgou a empresa fabricante de instrumentos Selmer. Os clarinetes soprano feitos en metal foron populares durante o século XX. Hoxe en día este material é utilizado para a construción dalgúns clarinetes contraltos e contrabaixos, e para algunhas pezas, como as campás e os pescozos, dos clarinetes altos e baixos. O marfil foi usado durante o século XVIII para a construción do clarinete, pero daba malos resultados, xa que tendía a agrietarse e non gardaba ben a súa forma.
A liña de clarinetes "Greenline" da casa francesa Buffet Crampon están feitos dun composto de pó de madeira de mpingo e fibra de carbono. O bo deste material é que sofre menos pola humidade e polos cambios de temperatura que os que están feitos de madeira, pero pesan máis. O caucho endurecido, como a ebonita, utilizouse para a construción de clarinetes desde 1860, aínda que poucos clarinetes actuais están feitos da mesma. Os deseñadores de clarinetes Alastair Hanson e Ridenour Tom son fortes defensores da goma dura. A casa Hanson de Inglaterra fabrica clarinetes utilizando un composto reforzado con mpingo e ebonita, coñecido por mpingo "BTR" (bitérmica reforzada). Este material non se ve afectada tampouco pola humidade e o peso é o mesmo do que dun clarinete de madeira.
As boquillas son, polo xeral, feitas de caucho endurecido, inda que algunhas para seren máis económicas poden ser de plástico. Outros materiais como o cristal, a madeira, o marfil, o metal foron tamén usados para a construción das mesmas. As abrazadeiras, que son os aros que envolven a boquilla para suxeitala cana, fanse, polo xeral de metal e chapadas en níquel, prata ou ouro. Tamén poden ser feitas de arame ou malla de arame, de plástico, de corda ou coiro.

Cana

O clarinete usa unha soa cana (ou palleta). Está feita a partir da cana común (Arundo donax). Tamén poden ser fabricadas con materiais sintéticos. A abrazadeira é a peza que liga a cana coa boquilla. Ao soprar ar a traveso da abertura entre a cana e a boquilla, fai que a cana comece a vibrar para equilibrar as diferentes presións creadas e é así como se produce o son.
As medidas básicas das canas son as seguintes: 12 milímetros de ancho, 15 milímetros de longo (desde a punta até o lugar onde toca coa boquilla) e de 1 milímetro desde a parte inferior da punta da cana e a boquilla. As variacións nestas medidas son as que afectan ao ton da cor do son.
A maioría dos clarinetistas mercan cana fabricadas, aínda que haxa logo que axustalas. Outros incluso as fan. No mercado véndense segundo o grao de dureza, que polo xeral van do grado un (moi brando), até o grado cinco (moi duro) e con variacións cada 0.5, polo tanto existen: 1, 1.5, 2, 2.5, 3, 3.5, 4, 4.5 e 5. Este sistema de numeración non está estandarizado, xa que hai moitas variacións no seu grado de dureza para unha mesma numeración dependendo da casa fabricante ou incluso entre as fabricadas nunha mesma empresa.

Compoñentes

Os compoñentes mostrados agora son os dun clarinete soprano do sistema Boehm. Porén, os compoñentes dos outros tipos de clarinetes son similares. O clarinete divídese polo xeral en cinco partes: a boquilla (coa abrazadeira e maila cana), o barrilete, os corpos superior e inferior e maila campá.
A cana achégase á boquilla pola abrazadeira. O clarinetista mete na boca parte dela, cousa dun centímetro. Chámaselle embocadura ao conxunto destas tres pezas maila boca, e é fundamental o seu correcto desenvolvemento para obter un bo resultado sonoro.
A cana sitúase na parte inferior da boquilla, premendo contra o beizo inferior do músico, mentres que os dentes de arriba normalmente están contacto coa parte superior da boquilla (algúns clarinetistas envolven co beizo superior os dentes formando o chamado dobre beizo na embocadura). Para mellorar o agarre dos dentes na parte superior da boquilla, utilízanse unhas láminas de plástico mol de diferentes grosores, para acomodar os dentes. Na parte inferior, algúns clarinetistas, colocan papel dobrado recubrindo os dentes para aliviar a rozadura que se produce na parte interna da boca por suxeitar a boquilla co beizo de por medio.

Detalles

Entrou a formar parte da orquestra grazas ao uso por parte de Mozart dunha parella deles nas súas sinfonías, no Concerto para clarinete e óperas da última época.
Ampliou o timbre do chalumeau e estendeu considerablemente a súa gama alta. O clarinete está afinado en si bemol mentres que o clarinete tenor en mi bemol está afinado unha cuarta máis alta (as bandas militares utilizaban esporadicamente clarinetes en do e en re). O instrumento máis agudo da familia é o requinto, igualmente transpositor en si bemol, pero soa unha oitava máis aguda.
O clarinete tenor en fa e o clarinete baixo están afinados unha cuarta e unha oitava máis baixa, respectivamente. O clarinete contrabaixo está afinado dos oitavas máis baixas.
Igual que os óboes, os clarinetes séguense fabricando en madeiras duras e escuras (como o ébano), aínda que os clarinetes baixos e contrabaixos tamén levan unha cantidade considerable de tubos e pavillóns metálicos. De tonalidade suave, os clarinetes distínguense dentro dos instrumentos de vento pola súa capacidade para producir un son igualmente potente en calquera parte da súa gama, extraordinariamente ampla (máis de 3 ½ oitavas) así como un son notablemente suave na parte baixa da gama.





Óboe


O óboe é un instrumento musical de vento madeira de lingüeta dobre que apareceu por primera vez en Francia cara 1660.
Dende a súa invención apenas sufriu cambios. Evolucionou da chirimía tiple e inmediatamente foi aclamado pola súa variedade tonal calidade expresiva.
Os primeiros óboes posuían un tono estridente e desafinaban con facilidade, pero a pureza de tono do óboe moderno fixo que normalmente se use como referencia para afinar o resto dos instrumentos da orquestra.
A dificultade para soprar a través dunha boquilla de lingüeta dobre fai que as familias dos óboes e os fagotes resulten difíciles de interpretar nos seus rexistros graves

Frauta travesa


 A frauta travesa é un instrumento de vento madeira de timbre suave e doce. Chegou a Europa durante o século XII, usándose sobre todo para a música militar. Cara mediados do século XVII xa se converteu nun elemento importante da orquestra barroca, desprazando á frauta doce. Durante o século XIX sufriu unha profunda transformación, engadíndoselle varias teclas extras e substituíndo o corpo, tradicionalmente de madeira escura, por outro de metal prateado. Algunhas veces vai acompañada por unha pequena frauta denominada flautín ou piccolo, máis raramente polas modalidades alta o baixa (con un son unha cuarta e unha oitava máis baixa, respectivamente).Ten un rexistro de 3 oitavas e media, o son mais grave é o do.
En Galicia temos un tipo de frauta travesa de madeira que se chama requinta.

ísticas

Os materiais que se empregan na frauta poden comprender entre madeira, alpaca (máis coñecida como prata alemá, que é do que xeralmente están feitas as frautas para os alumnos principiantes), prata, ouro e platino. O uso dos diferentes tipos de materiais virá determinado primeiramente ao gusto do frautista, pero hai outros factores que poden decidir que material preferir, por exemplo a proxección do son nos diferentes tipos de materiais e a súa cor. Por exemplo, a cor do son dunha frauta de ouro é cálido mentres que o dunha frauta de prata é máis brillante. Os materiais metálicos da frauta adóitanse combinar entre as diferentes partes das frautas, por motivos económicos, por exemplo, a cabeza de prata e o resto de alpaca, ou a frauta enteira de ouro e as chaves de prata.
As frautas non forman parte da familia dos instrumentos de vento de metal, senón que, dentro da clasificación usual, polo seu son se atopan no grupo dos instrumentos de madeira, xunto cos das familias do clarinete e do óboe, isto é, os instrumentos de lingüeta simple e dobre. Na clasificación formal que estuda a organoloxía, as frautas pertencen á familia dos instrumentos de bisel (que desde moi antigo se fabricaron de madeira), independentemente do material de que estean fabricadas.
O seu rexistro básico é de tres oitavas e vai desde o do4 ata o do7. Ese rexistro pode ampliarse ata a tres oitavas e unha quinta xusta, desde o si2 ata o fa#7. A nota grave adicional conséguese mediante unha chave adicional (algunhas frautas fabrícanse con chaves adicionais), e o extremo agudo lógrase mediante a execución de harmónicos.

Evolución

A frauta travesa tradicional estaba fabricada en madeira, e basicamente consistía nun tubo no cal se practicaban os pertinentes orificios. No século XIX Theobald Böhm perfeccionou o instrumento, modificando o método de fabricación, engadíndolle novos orificios e introducindo un sofisticado sistema de chaves, máis ergonómico, que facilitaba a dixitación.
Desde entón o deseño da frauta travesa non sufriu practicamente cambios de importancia. Con todo, os materiais para fabricala si cambiaron: hoxe en día fabrícanse frautas de metal, prata e ata ouro. A calidade do seu material inflúe moito na calidade do son. Ademais mellora notablemente se se fabrica a boquilla con especificacións detalladas que varían segundo o intérprete e as súas necesidades ou requirimentos. Aínda que se pode fabricar con pratos pechados (é dicir, a chave que pulsa cada dedo carece de orificio), o habitual hoxe día é fabricala con pratos abertos.

Primitiva (da idade media)

A orixe da frauta é certamente remoto. Era coñecida fai uns 25.000 anos e estaba feita en óso, a modo de chifre. En todo o mundo, diferentes culturas inventaron os seus propios tipos de frautas, segundo as necesidades. Nas civilizacións temperás eran feitas con madeira, ósos humanos ou caracois e había unha gran variedade de tamaños.
No 1.000 a frauta desaparece xunto coa caída de Roma e comezou a reaparecer no século X e XI. É probable que a frauta fose introducida en Alemaña polos bizantinos. No século XIV a frauta introdúcese nos demais países europeos.

Renacentista

A frauta travesa tiña un cilindro máis ancho que as anteriores. Isto permitía que a oitava grave fose máis fácil de soprar e non estaba tan limitada no seu rexistro agudo. As tendencias musicais desta época buscaban instrumentos homoxéneos, mesturados en grupos heteroxéneos. A xerarquía sonora imposta polas regras de orquestración queda reservada para a frauta en do e o piccolo, que é empregado na orquestra sinfónica. Para a frauta comézase a desenvolver o repertorio solista. O son producido pola frauta travesa aínda era inconstante, pero máis forte, claro e penetrante que o das frautas doces. Durante o século XVI foi un dos instrumentos máis populares en Italia. Esta popularidade estendeuse a Inglaterra, onde se destaca a gran colección de frautas de Henrique VIII.
O período renacentista marcou popularidade para a frauta de pico. Con todo, as frautas travesas aínda se seguían tocando na primeira metade do século XVII e os instrumentos de vento de madeira foron redeseñados. As frautas estaban construídas nunha soa peza, eran cilíndricas e tiñan seis orificios moi pequenos, o que producía unha sonoridade de cores pálidas.

Barroca

A era barroca marcou o retorno da popular frauta travesa. A súa construción foi feita nun tubo cónico que contiña seis buracos abertos agrupados en dúas seccións e unha chave pechada, que producía o Re#. O corpo, antes dunha soa peza, foi realizado en tres partes: cabeza, corpo e pé.
A frauta barroca empeza as súas alturas en Re e tiña dúas oitavas. Outras notas podían tocarse intercalando dedos ou tapando a metade dos orificios, pero eran difíciles de tocar e de sonoridade opaca. Ao redor de 1700, o corpo foi dividido en dous partes e pés extras, chamados corpos de recambio, o que permitía ao frautista adaptar a súa afinación de acordo a diferentes orquestras. De todas as maneiras, coas posicións cruzadas, as frautas tiñan mellor resposta sonora en Re e Sol Maior. Aínda que había moitos frautistas, os frautistas profesionais lograron adaptarse aos cambios moi ben. En 1722 invéntanse as chaves de Do e Do#. O frautista e compositor J. Quantz criticou moito esta prolongación, que xulgaba inútil e nociva para a calidade do son. En 1752, os Tratados de Quantz e Tromlitz (en 1786), ofrecen diferentes dixitacións para cada nota. En 1760 os fabricantes Florio, Gedney e Potter agregan as chaves de Sol#, Se e Fa. Ao redor de 1790 aparecen frautas de 4 chaves na música sinfónica de Haydn e Mozart.

Clásica

Durante o período clásico, Pratton, Carta, Siccama e Radcliff contribuíron a deseñar a frauta. Antes de 1800 só tiña seis chaves, pouco despois agregáronselle dúas chaves máis. Na segunda metade do século XVIII agregáronselle moitos cambios rapidamente, poucas persoas continuaron tocando as frautas de 3 e 4 chaves. Os inventos sucedéronse a unha velocidade crecente, era a época da industrialización. En 1800 as frautas aparecen no repertorio de orquestra, como as sinfonías de Beethoven. En 1808 o reverendo Frederick Nolan, en Inglaterra, inventou a chave aberta de Sol. Este invento é moi importante, xa que por primeira vez se obturan dous buracos para o mesmo dedo. En 1810 Georges Miller fabricou en Londres pínfanos de metal. Entre 1820 e 1830 o frautista Charles Nicholson, en Londres, intentou mellorar a frauta facendo os buracos máis grandes, pero non tivo éxito porque o mecanismo das chaves non era correcto. Os fabricantes Rudall & Rose fabricaron en Londres frautas de oito chaves, que foron moi populares en Inglaterra.

A Frauta de Boehm

O frautista alemán Theobald Boehm estudou as novas técnicas de frauta e en 1832, baseado nun novo sistema, creou a frauta que se usa hoxe en día. Entre os seus fundamentos atopamos que os buracos debían ser o máis anchos posible e estar nos lugares acusticamente correctos; que a frauta contería un certo número de chaves cubrindo todos os buracos e que todas as chaves tiñan que estar abertas na súa posición de descanso (excepto sol #). As novas frautas estaban realizadas nun tubo cónico, e en 1846 Boehm creou o tubo cilíndrico moderno cunha cabeza parabólica. Isto corrixiu a afinación e homoxeneizou o timbre nos diferentes rexistros.
A medida que o tempo pasou, as frautas construíronse en metal. Canto máis duro era o metal, máis luminoso era o timbre. Desde a construción da frauta por Boehm en 1847, conservouse basicamente o mesmo modelo. Hoxe, a frauta moderna está construída sobre 26,5 polgadas de lonxitude cun tubo de 0.75 polgadas e está dividida en tres seccións que conteñen a xuntura de cabeza, corpo e pé. Hai trece buracos que usan oito dedos e o dedo polgar esquerdo. A xuntura de cabeza péchase cunha cortiza e está aberto ata o pé. O material máis común é a prata esterlina, pero algúns modelos máis baratos son o níquel cor de prata. Experimentouse con platino, auromite (ouro e prata) e titanio. Tamén agregouse unha chave con rodete para o Re # e un mecanismo de Mi partido que permite cubrir dúas chaves, mentres nunha frauta regular cobre só un. Isto permítelle ao Mi 3 ser tocado máis limpamente e cun bo ataque. O deseño da embocadura cambiouse segundo as necesidades do frautista.
O flautín, a frauta en sol, e a frauta baixa. Usouse en orquestra e coros de frauta durante o século XIX. Ao final dese século a frauta aparece nas obras de Brahms, Strauss ou Tchaikovsky. A literatura para frauta soa expándese rapidamente, con pezas moi virtuosas.

Século XX

En 1948 Alexander Murray, coñecido frautista e mestre, colaborou cos fabricantes Albert Cooper e Elmer Cole, na fabricación da Frauta "Murray", baseada na escala experimental Cooper. Entre 1961 e 1962 aparece o novo modelo de Murray, a Mark I. En 1967 Murray colabora co fabricante da compañía Armstrong Jack Moore. Desde 1972 producen o modelo en frautas e piccolos con outros cambios, a chave gizmo entre eles.
A compañía Brannen fabrica o sistema Kingma, moi utilizado en obras contemporáneas. As súas chaves están preparadas para emitir sons con timbres moi diferentes aos convencionais.

Intérpretes

Inicialmente, a frauta travesa non xerou solistas destacados. Na segunda metade do século XX, en cambio, comezaron a xurdir virtuosos especializados no papel de solista. Esta tendencia foi iniciada dentro da música culta por Jean-Pierre Rampal e continuada por James Galway, Philippa Davies e Emmanuel Pahud. É destacable, dentro da música popular, o virtuosismo de frautistas como Ian Anderson, líder do grupo Jethro Tull, e Herbie Mann, músico de jazz dedicado á fusión de distintas músicas do mundo.

Usos da frauta

A frauta travesa utilízase principalmente na interpretación de música culta ou de cámara, pero con todo, a través do tempo, foise incorporando a diferentes estilos musicais como o jazz (principalmente acid jazz e jazz fusión), a música celta, o power metal, o epic metal ou o rock progresivo, aínda que tamén é utilizada en ocasións en producións de música pop, baladas e ata bases para hip hop.



 


Tuba


A tuba é o instrumento de vento metal co son máis grave e potente. As máis usadas en orquestra son a tuba baixa en Fa e a tuba contrabaixa en Si bemol, existindo tamén a tuba tenor, tamén chamada eufonio ou bombardino. O nome provén do latín que significa trompeta. O son prodúcese pola vibración dos beizos na súa boquilla, tendo unha tesitura de máis de tres oitavas.
O seu tubo é de sección cónica, ten de tres ou cinco válvulas ou pistóns, boquilla de copa, tubo enrolado en vertical e pavillón dirixido cara arriba rematado nunha campá en forma de sino. Patentouna en 1835 o director de banda alemán Friedrich Wilhelm Wieprecht e o construtor de instrumentos Johann Gottfried Moritz, logo incorporada nas orquestras sinfónicas.
Entre os seus antecedentes están o serpentón (instrumento de vento madeira con forma de S e furados para os dedos) e o oficleido (un fliscorno baixo con chaves).
A tuba baixa ou bombardón afínase en mi bemol ou fa (o seu son máis grave é o si bemol 1 ou o do 2) ou, no caso da contrabaixa, en si bemol ou do (son máis grave: mi bemol 2 ou fa 2). O bombardino, tamén chamado tuba tenor, é outra oitava máis agudo. Afinado en si bemol ou en dó. Neste último caso tamén se denomina tuba francesa.
A tuba pode chegar a ter até seis pistóns ou válvulas (catro de dixitación normal máis dúas de transpositores de medio ton e ton de afinación), aínda que as máis comúns son as que teñen catro. Tamén se fabrican modelos de tres válvulas, mais adoitan ser para principiantes. Algúns modelos especiais teñen só dúas válvulas. Nótese que a pesar de ter tan reducido número de pistóns, a tuba abrangue un espectro tan amplo de sons porque con cada posición dos pistóns pódense tocar notas diferentes segundo a forma e forza de facer vibrar os labios do instrumentista en cada cambio de pasaxe ou tesitura, respectivamente.

Fagot


O fagot é un instrumento de vento madeira de lingüeta dobre que apareceu a mediados do século XVII e adquiriu rapidamente popularidade como instrumento orquestral durante o período barroco. Usábase principalmente para apoiar a liña baixa das cordas graves, pero a súa gama excepcionalmente ampla fixo que tamén puidese interpretar pasaxes solistas (sobre todo no rexistro tenor). O son do fagot fúndese especialmente ben cos cornos.
Na música do clasicismo e principios do romanticismo a miúdo empregábase unha parella de fagots xunto con outra de cornos para crearen unha textura homoxénea a catro voces.

Trompa

A trompa é un instrumento de vento-metal que ten normalmente un tubo cónico aberto que deriva das formas dos cornos ou os cabeiros dos animais. A trompa soa pola vibración dos labios do intérprete apoiados na embocadura (como na trompeta).
Entre os seus antecedentes pódese incluír a trompa de postillón medieval, os cornos reais de marfil de África, o cornu romano, e o shofar xudeu, que deron lugar a trompas como o gran lur da antiga Escandinavia. Outros descendentes dos cornos son a trompa dos Alpes, o clarín, a corneta, e a corneta renacentista (cornetto).
A trompa francesa de orquestra inventouse ao redor de 1650. É unha versión en grande da trompa de caza que foi redeseñada cun tubo enrolado en círculo. A trompa de caza francesa, que se introduciu na orquestra a finais do século XVIII, producía arredor de vinte dos harmónicos naturais. A trompa gañou máis flexibilidade contra 1750 coa invención da técnica de introdución da man dereita no pavillón, co que se variaba a afinación das notas até un ton. A pesar deste avance, o excesivo tamaño dos tubos, chamados seccións, fixo necesario instalar moitas chaves. A invención das válvulas a finais de século XIX revolucionou a trompa, xa que permitiu variar a lonxitude do tubo movendo un dedo. A trompa en fa con tres válvulas pode producir unha escala cromática en tres oitavas, dende o Si2. Os intérpretes modernos usan a man no pavillón para variar a afinación e a cor do son.
A trompa en fa ten tres válvulas, seccións de tubería estreita que se abren ao final nun pavillón en forma de campá ancha, e boquilla de funil que xustifica o son brando e doce. A trompa tenor-baixo en fa e si bemol, introducida contra 1900, substituíu á trompa en fa. Equipada cunha válvula extra para prolongar o tubo até si bemol, ofrece vantaxes técnicas. As orquestras máis modernas inclúen catro destes instrumentos.